Sunday 05 de May de 2024

Padrón elabora un Plan para reactivar o turismo e o comercio


Dende o Concello potenciarán medidas de dinamización, de promoción, e impulsarán o cumprimento das normas hixiénico-sanitarias

O Concello de Padrón elaborou un Plan de reactivación do turismo e do comercio, dous sectores primordiais en Padrón, co obxectivo, en primeiro lugar, de reforzar a confianza do público e crear un destino seguro e libre de coronavirus. As claves deste proxecto que desenvolven dende o departamento
de Turismo son apoiar a estes sectores, crear un ecosistema de axentes económicos do territorio, impulsar medidas para os procedementos hixiénico- sanitarios, potenciar o tecido empresarial da localidade, mellorar a confianza do consumidor e promover novos produtos turísticos.
O equipo de Turismo municipal elaborou este proxecto para 2020 e 2021 tendo enconta o Plan de Acción Padrón para 2017-2022, os informes publicados pola Axencia de Turismo de Galica, o Clúster de Turismo de Galicia e a Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia, as recomendación das Nacións Unidas e a opinión e necesidades dos axentes locais implicados na reactivación de Padrón, cos que a concelleira de Turismo se reunirá o día 1 de xuño ás 21:00 horas no Auditorio Municipal. Lorena Couso sinalou que “é tarefa de todos impulsar os motores económicos da nosa vila, e xuntos conseguiremos superar as consecuencias desta pandemia”.
Liñas de acción
Un total de nove liñas de acción vertebran este Plan de reactivación. A través desde proxecto intentarase coordinar as medidas públicas e privadas, dinamizar o comercio, impulsar o traballo en rede con outros destinos, crear novas produtos – como por exemplo Padrón Gastronómico-, poteciar o Camiño de Santiago a Padrón a través da ‘Pedronía’, impulsar o turismo activo e o turismo de autocaravanas, desenvolver campañas de promoción, de sensibilización e de comunicación e marketing online.
A campaña para dinamizar o tecido empresarial xa está en marcha coa entrega de 115 biombos protectores de cristal templado, coa proposta plenaria para a exención de pago de terrazas para establecementos hosteleiros, creación da campaña #PadrónVolve a través das redes sociais, a campaña ‘Cultura na Rúa’ e a axuda á instalación de medidas hixiénico-sanitarias nos establecementos
comerciais.

Asimesmo, nos vindeiros meses desenvolveranse acción de promoción encamiñadas a fomentar o fluxo de visitantes, accións de sensibilización e formación sobre o potencial dos recursos da vila, e activaranse distintas campañas de marketing e comunicación.